sábado, 2 de febrero de 2008

CONSTANTINO GRANDÍO LÓPEZ

CONSTANTINO GRANDÍO LÓPEZ (1925-1977)

Máis coñecido como Tino Grandío, foi un pintor que naceu no ano 1925 na parroquia de Lousada. Os seus primeiros estímulos recíbeos dun industrial parente seu, gran coleccionista de pintura e animador de empresas artísticas. Cunha pensión da Deputación Provincial de Lugo, instálase en Madrid e intégrase no grupo da Escola de Madrid que fomenta as tertulias do Café Gijón, onde a presenza do mozo galego é constante xunto con Díaz Caneja, Cristino Mallo e Francisco Arias, entre outros.

Foi un pintor moi premiado dende que era moi novo, xa que no ano 1944 obtivo o Provincial de Lugo, que repite nove anos máis tarde en escultura. Nas nacionais de Belas Artes escalou todos os postos: terceira medalla en 1959, segunda en 1961 e primeira en 1965. Foi tamén gran premio da Dirección Xeral de Belas Artes e da bolsa March, en 1965. Un ano despois foi gran premio e medalla de honra na primeira Bienal galega, galardón que repetiu en Marbella en 1971, logo de recibir o disputado premio Repesa en 1968, ata entón o mellor dotado economicamente de España, por unha interpretación libre da "Venus do espello" de Velázquez.

Comenzou a expor en 1957, cunha mostra que lle deu notoriedade, na Dirección Xeral de Belas Artes, en Madrid. Despois, as súas mostras sucedéronse en toda España e en París, Nova York, Suíza, Alemaña e Sudamérica. Foi designado socio de honra do Círculo de Belas Artes de Madrid. A súa obra figura no Museo de Arte Contemporánea de Madrid, en case todos os de España e en numerosos de Europa e América.

Nos comezos da súa etapa madrileña vestía atavío folclórico e sempre tocou a gaita, dedicación que consideraba inexcusable como fonte de inspiración. Debuxaba dun modo inclasificable. Algúns dos seus cadros, como o retrato do Xeneral Franco, por suposto que imaxinario, son xa historia da pintura contemporánea e da historia de España.

A pintura de Grandío é difícil de definir. Agás contadas excepcións, é case monocromático e abundan os grises con brancos e algún negro atenuado. As súas composicións de figuras con siluetas, apenas perfiladas, sobre as que mancha con materia moi tinguida, ocasinalmente grosa.

No hay comentarios: